Ás veces salvarnos nós é o único xeito de salvar o mundo
Estabamos tranquilos, cada un á súa, era o tempo da vendima e moitos andaban nela ou preparábanse para comezala ata que de súpeto, a golpe de notificación, saltou a nova de que un foco de lume comezaba na pequena aldea de Lornís, en Pantón. Setembro era un setembro atípico, moitas veces por eses días chove e non é a primeira vez que nas beiras do Cabe arroia mentres se senten as bombas e as retretas do San Miguel de Rosende. Pero desta vez dábanse as condicións do famoso 30-30-30 (humidade, temperatura e velocidade do aire).
Eu estaba na viña comezando a vendimar as primeiras cepas de mencía mentres o fume o envolvía todo cando de súpeto dun momento a outro o cheiro mudou, comezou a sentirse como o da madeira recen queimada. Así que collín o teléfono para preguntar se andaba cerca e dixéronme que non me preocupara, que o lume non pasara de Seragude. A realidade era ben distinta, a inversión térmica fíxoo arrincar en diversas direccións e ademais de cara Seragude colleu cara Budián por onde entrou as beiras do Cabe para saltar tamén a Sober. En cuestión de horas e xa cerca da noite o axentes forestais e as patrullas da garda civil alertaban aos veciños das aldeas das parroquias de San Romao de Acedre e Santiago de Cangas de que debían desaloxar as súas casas e dirixirse ata Ferreira. O que ocorrería despois sería dunha magnitude indescritíbel, cun dispositivo da Xunta colapsado incapaz de atender as múltiples chamadas que comezaban a sucederse. Moitos veciños marcharon e outros, sobre todo os máis novos, decidiron quedarse desobedecendo a orde das autoridades. Hoxe sabemos que grazas a iso moitas casas e aldeas se salvaron, outras en Budían ou San Romao non tiveron tanta sorte pese a que tamén quedou xente para tentar paralo. Houbo maiores, como a Custodia do Batoco, que tamén se negaron a abandonar as súas casas e grazas a que regaron ao redor delas evitaron que aínda sendo cercadas polo lume arderan. Foi unha milagre porque as muxicas caian por todas partes sen tregua e os focos comezaban a sucederse sen apenas tempo para reaccionar.
Aquela noite eu estaba en Cima de Vila, co Carlos e co Xosé Antón. Fun ata a Oseira para ver como estaba a situación e cando vin o resplandor por riba das casas de Cima de Vila co nerviosismo boteime a andar de volta. Iso foi o que fixo que o meu coche non ardera porque quedou alí, de casualidade. Cando subín desde o Moredo ata Cima de Vila xa había pequenos focos arrancando ás beiras do camiño con varios veciños que intentaban apagalos. O lume na miña aldea entrou desde a Abelaira e a situación era dantesca, só lembro os berros do meu veciño Carlos mentres tentaba apagar na viña do Servando (foi a que ralentizou o lume pola cima da aldea) porque non me vía e non sabía onde estaba, e despois de responderlle lembro que mirei atrás e vin que xa estabamos rodeados por tódolas frontes. A artista Doa Ocampo fixo días despois do lume unha reportaxe fotografía con drons que dá unha idea da magnitude dunha catástrofe que aínda puido ser peor.
Ver o lume á porta da túa casa é algo que nunca esqueces e que para moitos seguramente aínda está tendo un impacto psicolóxico. Á noite daquel venres ao sábado foi criminal e nunca esquecerei ver desde a terraza do Vilariño como mentres ardía a miña horta ata as paredes da casa, naquel intre, pensei nos meus avós, nos meus tíos, no meu pai... houbo un momento no que cheguei a crer que despois das innumerables xeracións que construíron todo aquelo ao final todo remataría alí.
Pero ao final é neses momentos dramáticos onde se revelan as mellores calidades do ser humano. Chegado un momento da noite subiron os veciños de Acedre e do Pacio porque o perigo alí xa pasara, e grazas a eles acabáronse salvando varias casas do lugar. Tamén apareceron uns rapaces sobre as tres ou catro da mañá que ao principio todos pensamos que eran brigadistas que chegaban para axudar, ata chegado un momento ante as preguntas dalgún de nós responderon: nós non somos brigadistas, viñemos aquí porque nos dixeron que había lume e había que axudar. Primeiro fomos a Sober e como alí non nos deixaron pasar viñemos aquí. Somos do Brollón.
Ás veces salvarnos nós é o único xeito de salvar o mundo.



Comentarios
Publicar un comentario