De Pausanias ao sinfin

 Cando Pausanias de Oréstide asasinou a Filipo II de Macedonia non sabía que estaba a abrir unha caixa de Pandora que mudaría o curso da historia. A Filipo II sucedeuno o seu fillo, Alexandre, que acabaría sendo o que hoxe todos coñecemos como o Magno. O novo rei dos bárbaros macedonios estenderíase desde a Hélade ata a India creando o imperio máis grande coñecido ata entón. É lembrado pola historia como conquistador, aventureiro e estratega. Alexandre chegou a vencer aos temibles persas en Gaugamela e desde entón foi ata os confíns dun mundo non coñecido para occidente. Mais á fin dise que o Magno morreu coma todos, rodeado dos seus xenerais que repartiron o imperio co seu corpo aínda quente. Morreu porque se algo ten o ciclo da vida é que lle dá bastante igual se es un conquistador ou un neno que mete os pés ás beiras do Éufrates, e coa súa morte comezou a escribirse a historia, o relato, do grande conquistador. 

Pero a historia é coxa e a verdade é moitas veces invisible, como somos hoxe todos invisibles no aluvión dos números que ateigan os rexistros das administracións, das redes sociais, dos servizos da intelixencia artificial... para que Alexandre cruzara un mundo aínda virxe antes miles de aldeas, vilas e cidades foron arrasadas e con elas milleiros de persoas foron asasinadas ou escravizadas. Esa é a parte da historia que ninguén lembra ou que se esquece a miúdo das crónicas que chegan ata os nosos días. Como foron esquecidos os pobos asolagados por Roma na longa conformación do imperio, os armenios na bárbara colonización gala, os xudeus ao longo da historia ou, últimamente os palestinos... porque historia fálanos dos heroes que crearon relatos ou dos Neróns queimando Roma e pouco máis.

Hoxe hai quen di que o mundo está sendo gobernado por bárbaros pero a diferencia do significado que os antigos habitantes da Hélade lle daban ao termo "bárbaro" estes son xenocidas. Estes bárbaros de hoxe son os mesmos de onte pero estes non son bárbaros polo simplem feito de seren estranxeiros como o eran os macedonios para os gregos, sono ser por ricos e avarentos por riba de todo. A súa avaricia non ten límites, porque desexan poder perpetuar un sistema que aínda que non é o mesmo de hai miles de anos ao final segue tendo os mesmos fundamentos: a condición intrinsecamente humana de control e poder uns sobre outros. De acaparamento dos recursos e de dominio das masas. 

Cada día estamos un pouco máis preto da extinción, unha extinción que mereceremos por termos permitido (se é que algún día puidemos evitalo) a morte dos nosos iguais por bombas, por fame, por balas... en medio mundo. Esa mesma morte que algún día chamará a nosa porta para dicirnos se somos ou non os fillos do Yahvé capitalista, se somos consumidores mercado ou seres sustituibles na roda do hamster . Ninguén nos salvará porque aínda que o vexamos lonxe despois dos ninguén virán por nós, os ninguén amestrados por pantallas con penso perpetuo emanando dos silos do sinfín do petróleo, das terras raras ou da lei de rendementos crecentes do mercado. Somos os que non miran atrás cando alguén cae e deberíamos comezar a preguntarnos se para salvar o mundo primeiro deberíamos comezar a salvarnos nós mesmos.




Comentarios

Publicacións populares